martes, 18 de mayo de 2010

A última viaxe do Rodriguete

É inxusto e obsceno traerte por acá. Ben sei que nunca o lerás, non te vexo a ti nisto de internet e dos blogs, e moito menos a partires de hoxe, convertido en cinzas. Mais coido que, pasado o enfado por non pasares desapercibido, cecáis che produciría graza ler o que outros verán como ofensivo.

Sí, ti non és merecente de figurar aquí, arrodado de pequenos problemas de corazóns infantís e outros temas menores. Ti és un exemplo de ética e honestidade, algo tan escaso hoxe que facía de ti, máis que un imposible exemplo, un bicho raro. Cecáis por iso estés. Cecáis porque nunca te olvidaremos, “somente morre quen non deixa semente”, porque coa túa conducta demostrabas ser iso, un materialista, dialéctico, claro, e humano. Un maestro, máis que un profesor, que nunca deixache de ser, mesmo detrás do mostrador. Certamente, a esquela dos teus amigos, que non quererías e que non liche non podía ser máis atinada. Polo menos, estate tranquilo, seica nengún crego se achegou a ti in extremis, tampouco o intentaría, e seica tamén aínda andan a buscar no velorio os crucifixos agachados para o próximo hóspede.

Perdón por decir todo isto, se todo o mundo o sabe, quen son eu para tal. Por iso, esta vez, falará de ti outro, limián, finado tamén, irrepetible, tamén. Carlos Casares, quen, alá polo 29 de maio do 98, na súa Marxe da Voz, compartindo contraportada con este titular: “Broadway rechaza un Cristo gay”- ¡Co que sempre che gustaron os yankees!-, se lembraba de ti con tanto cariño e admiración:

Antonio

Nunha viaxe recenté a Xinzo de Limia estiven co meu amigo Antonio Rodríguez, a quen non vía desde hai tempo. Dixen amigo, porque é certo, pero tamén debería decir profesor, porque eu fun alumnos nos meus primeiros anos de bacharelato. O outro día, mentras subíamos as escaleiras da biblioteca municipal, funle recitando de memoria una clasificación que aprendín con el e que aínda recordó: gusanos, moluscos, equinodernos, artrópodos e cordados. Era un magnífico pedagogo, intelixente e boa persoa, que nos facía estudiar, non pola forza, senón porque nos daba una vergonza infinita causarlle o disgusto de non saber a lección.

Eu fíxenme amigo del na biblioteca, que dirixía entón. Entre os dous, que eramos prácticamente os únicos usuarios, xunto cun señor que ía a aprender´inglés con discos, facíamos os pedidos de libros novos. As peticións tiñan todas un tinte tan chamativo, que un día, a responsable provincial presentouse alí a ver qué pasaba,por qué desde Xinzo se pedían libros tan raros.

A primeira sorpresa que levou aquela señora foi que na biblioteca non estaban na parede os retratos de Franco e José Antonio, como era preceptivo. O bibliotecario deulle non sei qué explicación e logo púxose a buscalos entre os trastos vellos, pero non aparecían. Xa un pouco nerviosa, a señora dixo que había que resolver aquello. Entón, Antonio suxeriulle que provisionalmente se podía solucionar o problema pegando un selo dunha peseta na parede. Nese momento, ela deu media volta, estilo sarxento, e saíu da biblioteca a toda presa. Non é que fora indignada, como lle correspondía: simplemente é que non aguantaba a risa.

6 comentarios:

A do outro lado da xanela dijo...

Fermosas verbas para un final que, coma todos, non ten nada de fermoso.

Bico!

Anónimo dijo...

Onte levanteime tarde e tiña que facer moitas cousas pero saír á rúa parecíame un esforzo estremo. A miña mente estaba dedicada en exclusiva a clasificar, recordar e revisar as imaxes dos últimos días, nin sequera avanzaba a outros tempos !non! todas eran da última semana.
Dado que a miña mente xa non me daba ordes sería o meu corpo o que automaticamente ás 7 da tarde tomou forzas para ir ao super. Cando estaba na rúa pareceume que a xente camiñaba moi rápido, falaba moi alto e escoitábase moito barullo por todas partes. No super tiven que facer cola (meu Pai dicía que este era o país das colas:colas para o médico, o banco, a compra ata para renovar o DNI), cheguei a casa esgotada e moito máis triste que cando saíra. Seguro que o meu Pai me diría algunha ironía sobre o que me estaba a pasar.
Isto tráeme á memoria unha anécdota de venres 14 cando ingresou por urxencias. Cando levábamos 2 horas esperando noticias do meu Pai eu non aguantei máis e falei coa enfermeira para que me levara xunto a el. Cando chego á sala estaban varios enfermos e o meu pai sentado nunha cadeira de rodas, coa cabeza baixa, serio, canso. Achegueime a el e deille varios bicos Que tal? pregunteille, !Isto é un desastre! díxome. Había unha muller fronte a el coa mirada baixa e moi triste, nin sequera xa se queixaba e dous homes que parecían resignarse a estar alí horas e horas. Entraba cada pouco algún sanitario, miraba para os enfermos, lía os nomes e volvía marchar.
Nisto entrou un enfermeiro chiscando os dedos das mans e mirando para cada un dos enfermos, todos levantamos a mirada pensando que xa nos tocaría marchar, pero foi el o que deu media volta con moito estilo e desapareceu. As caras dos enfermos eran de desconsolo e entón meu Pai levantou a cabeza e dixo: non vos preocupedes ese non era enfermeiro ese era bailarín.
Todos botaron a rir e por un intre aquilo deixou de ser unha sala fría, sen identidade e a xente iluminouse.
Tiña a forza e a intelixencia de que en calquera situación ti te sentiras sempre ben xunto a el.
Quérote moito, moito, moito

Anónimo dijo...

Os meus xenes non levan a semente del, pero desculparanme os seus fillos q o sei, se fago meu dende fai moito tempo xa o luxo de telo como pai,pai da miña vida,pai q me ensinou todo o bo q eu coñezo.. esta tarde ando a escoitar a internacional unha e outra vez cos ollos mollados de nostalxia e tamen de ledicia por haber tido a honra de disfrutalo,de seguro q dende a veira do rio por onde camiñabamos me dira de novo"Hay hombres q luchan un dia y son buenos.Hay hombres q luchan un año y son mejores.Hay quienen luchan muchos años y son muy buenos.Pero estan los q luchan toda la vida,esos son los IMPRESCINDIBLES... desde siempre ,para siempre Antonio eres imprescindible.
querote sempre.

Anónimo dijo...

Os meus xenes non levan a sua semente,pero desculparanme os seus fillos,q o sei, se fago meu o luxo de de telo como pai,pai da miña vida e de todo o bo q coñezo.
Esta tarde ando escoitando a internacional unha e outra vez moi alta cos ollos mollados de nostalxia e de ledicia de haber tido o privilexio de disfrutalo tantas veces.. de seguro q dende a veira do rio por onde camiñabamos me lembrara aquilo q me dixo un dia"Hay homes q loitan un dia e son bos.Hay homes q loitan un ano e son mellores.Hainos q loitan moitos anos e son moi bos,pero estan os q loitan toda a vida,eses son os IMPRESCINDIBLES.
Ti seras sempre iso para min,IMPRESCINDIBLE.
Querote SEMPRE.

Anónimo dijo...

Os meus recordos remóntanse á infancia, época na que eu tiven mais relación contigo, sendo amiga das túas fillas pasabame tardes de domingo enteiras na túa casa. Lembro cando te levantabas da siesta e te poñías na mesa camilla a facer contas e mais contas e nós correteando por alí, xogando ó escondite por tódala casa e berrando, pero a ti, aínda que estabas traballando, nunca te molestabamos. Eras un cielo.
Pero cando máis disfrutei de ti foi naqueles veráns en Rianxo. Estabamos desexando que chegara a fin de semana para que viñeras e nos levaras de camiñatas para descubrir praias novas e facer xogos que só faciamos contigo.
Si che descubro un segredo contareiche que gracias a ti aprendin a nadar. Recordo que naquela praia de Rianxo esas fins de semana formidables nos facias competicions a ver quen chegaba antes á orilla nadando. Unha vez gañei eu e ti dixéchesme que non valía porque nadaba con flotador. Dende aquel día empeñeime en aprender a nadar para ser igual que os demais, e conseguino!!!!
Gracias Antonio porque aínda que non foras meu profresor, aínda que sí meu bibliotecario,dalgún xeito algo aprendin de ti.
Lembrareite sempre.

Miguel dijo...

Ao igual que o autor desta entrada, síntome un pouco impostor invadindo este espazo reservado para os máis próximos. Pero, ao mesmo tempo, tamén me sinto obrigado, polo que tentarei solventa-lo conflicto cunha solución salomónica: compartir os meus recordos de Antonio de oito a tres, en horario laboral, na oficina de Caixa Ourense.
Aí foi onde o coñecín, hai 25 anos, eu tiña 20, ningunha experiencia laboral, e pouca da vida. Maila diferencia de edade, de seguido conxeniamos. Porque ésa era unha das súas grandezas, arrodarse e compartir vida xenerosamente con todo o mundo, pero especialmente con quen apreciaba, e con quen precisaba axuda ou protección.
Precisamente eu empezara a traballar tan novo por quedar orfo, e, non é ningunha esaxeración, foi un pai para min. Teño a súa persoa grabada no meu ADN, dun xeito inseparable, algo do que me sinto profundamente orgulloso e afortunado.
O recordo central de tantas horas compartidas na oficina é saber que il sempre estaba aí, protexendo a todo o persoal, dun xeito invisible, sen facerse ver. Cando xurdía calquer problema,-conmigo, de novato, moitos-, il aparecía de súpeto no mostrador, e todo quedaba arranxado, con pasmosa facilidade, demostrando que levaba un control absoluto de todo. Era un exemplo de autoritas, autoridad moral, persoal e laboral, absolutamente incuestionada. E sempre sen enfadarse nin levantá-la voz.
Certamente, con il os problemas eran menos, ou desaparecían. De seguro, agora penso, moitos e meirandes serían os que tería que ter sufrido antes. E os que estaban por chegarlle...
Lembro nunha ocasión que as hormonas e o alcohol fixéronme chegar moi tarde e nun lamentable estado á oficina. Ao chegar, para maior bochorno, había unha cola impresionante de clientes que atender. Nada me dixo. Tampouco cumpría, a verdade, xa estaba dabondo avergonzado coa súa mirada. Lembro cando mirou para os meus zapatos e reparou me faltaba un calcetín, tales foran as presas, o que lle costou aguanta-la gargallada. Alomenos, como descarga, aquela moza, maila súa militancia de esquerdas, chegou moi alto en política. É broma, claro, -o da excusa, non o da miña amiga-, il houbéraa collido á primeira. Porque sempre mantiña ese silencio socarrón que rompía para aledarnos con irónicos comentarios. De feito, vendo a súa expresión, sabías perfectamente que se estaba rindo, dalgún cliente –“¿firmo aquí, donde pone el impostor?”, ou mesmo dalgún compañeiro, noble pero despistado, parado no medio da oficina pensando onde ía ir. Aínda que, ás veces, as expresións eran máis duras. Soio coa suas miradas, poderíase facer un mapa da honestidade da xente da Limia. E non falo de política, sempre demostrou un gran respecto con algúns rivais políticos, cos que dialogaba cordial pero nunca sumisamente.
Pero, maila dedicación e profesionalidade, non lle gustaba o seu traballo. Non esquezo o que me repetiu varias veces:“fai unha oposición, escapa a tempo disto". Visto coa perspectiva do tempo, era, por unha banda, un desperdicio telo aí, e, por outra, un atípico en banca. Eu non lle recordo ver posta nunca a garabata, de seguro era unha testimonial resistencia ideolóxica.
De feito, os seus mellores momentos da mañá eran cando aterraba no patio de operacións o Gonzalito. Aí deixaba de estar ao ralentí e, por uns minutos, encendíase, brilánbanlle os ollos, e xesticulaba, namentras cambiaban o mundo, e volvía novo.
Marchei aos tres anos. Aínda que sempre supen dil, non o vin prácticamente nunca
máis. En parte, pola nosa especial relación, e a freudiana necesidade de matar ao pai; en parte porque, coido, os dous sabíamolo, non era preciso vernos, porque, penso agora tamén, con il sempre se tiña a sensación de que sempre ía estar aí, que, como demostrou agora, era, é, inmortal.
Non quixen velo nos últimos días, cando me enterei do mal. Supoño que a il tampouco lle gustaría que o viran desmillorado. Mesmo din a volta, non quixen mirar cando o coche fúnebre arrancou, entre aplausos. Lévoo conmigo, xa o dixen, no meu ADN, e non preciso despedirme nunca dil. Nin podo, nin quero.